facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  

Non existen documentos que acrediten historicamente a orixe da institución: disque foron queimados polo exército do mariscal Soult en 1809, no transcurso das guerras napoleónicas, segundo fuxían das tropas inglesas. Aínda así, sábese que o Couto  Mixto naceu ligado ao Castelo da Piconha, vencellado co tempo á Casa de Bragança, na Baixa Idade Media (século XII). En 1518, por causa dos enfrontamentos entre as xentes de Barroso e Randín, os habitantes do Couto procuraron apoio do Conde de Monterrei, apoio que se mantería até o fin do Couto. Un documento de 1530 define os lugares de Santiago e Ruvyaes como mistigos de Portugal e Gallyza. Consta tamén documentado que, en 1540, houbo que ratificar os acordos de 1518, ante a persistencia dos conflitos entre os mixtos e os veciños da raia.

En 1819 asinouse, no adro da Igrexa de Santiago, un documento no que se recoñecían os privilexios do Couto e se ligaba á Casa de Bragança e á diocese de Ourense. Naquela época, os tres lugares formaban unha mesma parroquia e o párrocos eran nomeados polo bispo de Ourense.

En 1851 formouse a Comisión Mixta que tería que dirimir os límites entre os dous estados. Esta Comisión visitou as terras do Couto Mixto e dos Pobos promiscuos en xullo de 1856 pero non se chegou a acordo ningún porque os portugueses propoñían dividir o Couto seguindo o cauce do río Salas, de modo que Santiago e Rubiás pasaran a ser portuguesas e As Maus española. O representante da delegación española, Fidencio Bourman, negouse a esta pretensión argüíndo que a negociación territorial era competencia dos respectivos gobernos e que tiña que resolverse por vía diplomática. En 1863 houbo unha segunda proposta, tamén rexeitada, segundo a cal Santiago pasaría tamén a España.

Por fin, o 29 de setembro de 1864 presentouse e asinouse o Tratado de Lindes que remataba definitivamente coa institución do Couto Mixto: España entregaba a Portugal os tres Pobos promiscuos (Soutelinho da Raia, Lamadarcos e Cambedo) a cambio dos que constituían o Couto Mixto. Estes tres lugares portugueses están situados poucos quilómetros ao leste do Couto Mixto, sobre a mesma raia fronteiriza e vivían nunha situación parecida, pero sen os privilexios que caracterizaban ao Couto Mixto. Actualmente, Cambedo pertence a Montalegre, e Soutelinho e Lamadarcos a Chaves.

Á marxe de establecer a territorialidade española do Couto Mixto e portuguesa dos Pobos promiscuos, o Tratado de Lindes deu un prazo dun ano para que os habitantes destes lugares optasen definitivamente pola nacionalidade da súa preferencia.

A ratificación do tratado e a entrega dos territorios foi celebrada o 23 de xuño de 1868 na igrexa de Santiago. Os días 27 e 28 do mesmo mes, nunha cerimonia similar, realizouse o acto oficial da entrega dos pobos promiscuos ó goberno portugués. A vixencia do Tratado dos Lindes entrou definitivamente en vigor o 5 de novembro de 1868.

Artigo 27. Tendo pasado integramente ao dominio e soberanía de Portugal, en virtude de artigos décimo e undécimo, os tres pobos promiscuos denominados Soutelino, Cambedo e Lamadarcos, e quedando á súa vez baixo o dominio e soberanía de España, en virtude do artigo sétimo, os tres pobos do Couto Mixto, chamados Santa María de Rubiás, Santiago e Meaus, conveñen ambas as Partes en que así os habitantes dos pobos promiscuos que sexan realmente súbditos españois, como os habitantes dos pobos do Couto mixto que sexan realmente súbditos Portugueses, poidan conservar a súa nacionalidade, se así conviñéselles. Ao efecto, tanto os uns como os outros declararán a súa decisión ante as Autoridades locais no término dun ano, contando desde o día en que se poña en execución o presente Tratado.

Nun principio, os tres lugares foron asimilados ao concello de Baltar pero os habitantes de Santiago e Rubiás, máis relacionados con Calvos de Randín, reclamaron a súa inclusión neste segundo concello, o que lles foi concedido pola Deputación de Ourense o 29 de maio de 1870, que creou a tal efecto a parroquia de Rubiás dos Mixtos.

En 1906, os gobernos español e portugués recoñeceron terreos para pasto comunal, para uso de gandeiros dos dous lados da fronteira, sen que iso modificase o trazado desta.



O Couto Mixto na actualidade


En 1998 creouse a Asociación de Amigos do Couto Mixto coa finalidade de recuperar a súa memoria histórica. Forman parte desta Asociación persoeiros da cultura galega como Luís García Mañá, Xosé González Martínez, Carlos Varela García, Xosé Benito Reza Rodríguez, Xesús Ferro Ruibal, etc...

Desde o ano 2000, esta Asociación nomea anualmente aos xuíces honorarios entre as personalidades ou organizacións que destaquen no seu labor cultural e etnográfico. Aos nomeados entréganlle simbolicamente unha chave que lembra a que portaban os homes de acordo.

Outras finalidades da Asociación de Amigos do Couto Mixto son o desenvolvemento de actividades culturais (como os cursos de verán celebrados en colaboración coas universidades de Vigo e de Tras-os-Montes), o proxecto dun Museo Aberto do Couto Mixto (en colaboración co concello de Calvos) e a publicación de diferentes estudos de investigación (como o Inventario microtoponímico do Couto Mixto).

O Couto Mixto recibiu no 2002 o Premio da Fundación Premios da Crítica, na súa sección de Iniciativas Culturais, "pola recuperación da autoestima e memoria histórica coma parte dun espazo xeográfico e cultural, por favoreceren o reencontro da convivencia entre Galicia e Portugal a partir das raíces comúns e por recuperaren unha manifestación de riqueza antropolóxica e cultural que, neste caso, é un exemplo de mestizaxe cultural". Ese mesmo ano, a mesma Fundación elixíu o Couto Mixto para presentar o manifesto "Falamos unha lingua milenaria", no que numerosos persoeiros destacados na cultura galega proclamaban a súa fidelidade ao galego como lingua propia e independente. Nese mesmo acto, erixiuse en Santiago de Rubiás un milladoiro de pedras e palabras.

En maio de 2008 inaugurouse no adro da igrexa de Santiago unha estatua en bronce que representa o último Xuíz que tivo o Couto e que asistiu á extinción do seu estatus especial, don Modesto Delfín Brandón. A falta dunha imaxe deste home, a estatua representa, sentado no banco corrido do muro de pedra do adro, un home coa roupa da época e provisto do bastón de mando que distinguía aos Xuíces, nun deseño de Luís García Mañá. O escultor que realizou a escultura foi o vigués José Molares.


Réxime administrativo do Couto Mixto

A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, desvencellada das coroas portuguesa e española, nunha estrutura política equiparable en boa parte a unha república democrática.

Entre os dereitos e privilexios máis representativos sinálanse o de asilo (para os fuxidos da xustiza hispana e lusa), o de non dar soldados, a exención de impostos, a liberdade de comercio (como o sal, produto estanco ata 1868), liberdade de cultivos como o tabaco e outros máis. Para exercitar ditos privilexios, no tocante ao comercial, dispuñan dun camiño inmune á acción dos gardas da fronteira. Este camiño comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourem, atravesando terras galegas de Randín nun percorrido duns seis quilómetros.

O arquivo e os selos do Couto Mixto gardábanse nunha arca de madeira custodiada na sancristía da igrexa de Santiago, que se consideraba a capital política do territorio. Pechábase con tres chaves, gardada cada unha por un dos tres pobos e das cales o cada xuíz gardaba unha, á que lle correspondía ao seu lugar. Para abrila celebrábase unha solemne cerimonia: debíanse reunir doce homes máis os tres gardiáns das chaves, un total de cinco por pobo. A arca actual, restaurada, conserva desde 1998 documentación referente á recuperación da memoria e mantense a tradición das tres chaves.


Os privilexios do Couto Mixto


Nacionalidade

Os habitantes do Couto Mixto non se atopaban obrigados a unha ou outra nacionalidade, podendo inclinarse, dependendo de razóns xeográficas, familiares ou tradicionais, por unha, por outra ou por ningunha. Xa se mencionou que, rematada a independencia do territorio, concedéuselles un ano de prazo para optar por unha ou outra nacionalidade.

O momento en que tradicionalmente se exercía esa opción era no día das vodas, é dicir, o día no que constituían familia propia. Os que optaban por Portugal bebían un cáliz de viño pola honra e á saúde do rei portugués, inscribindo a letra "P" de Portugal, na porta do domicilio conxugal; aqueles que optaban por España, brindaban á honra e saúde do rei español, inscribindo a letra "G" de Galiza, no seu domicilio. Esta práctica, que parece estar limitada aos anos 1842 e 1843, foi substituída pola inscrición doutros símbolos (nomes, datas, cruces, etc.) cando as autoridades de ambos os países comezaron a cuestionar os privilexios do Couto.

Con esas marcas na porta da casa, sometíana á lexislación de España ou a de Portugal, coa particularidade de que podían diferenciar espazos dentro da mesma casa baixo unha ou outra soberanía:

... por lo cual bastaba que el propietario, al construir o reedificar su casa, dijera a qué nacionalidad quería perteneciese el inmueble, si ya no aplicaba una habitación a cada una.

Concretamente, os seus habitantes non estaban obrigados a utilizar documentos de identidade persoais, non estando suxeitos aos efectos xurídicos dunha nacionalidade: eran considerados como "mixtos".

Os habitantes do Couto non contribuían nin ao Exército portugués nin ao español, nin siquera en tempo de guerra. Este dereito de exención de sangue foi motivo dun grave conflito en 1809, cando a xunta de armamento da Boullosa chamou a servir ao Rei a tódolos mozos do Couto, orde que tivo que derrogar o Marqués de la Romana.

Os habitantes do Couto non estaban obrigados a participar nos procesos electorais e nos asuntos políticos nin en Portugal nin en España.

Autogoberno

Os habitantes do Couto tiñan o privilexio do autogoberno, mediante a elección dun Xuíz ou Alcalde polas cabezas de familia das tres aldeas, elección celebrada no inverno cada tres anos. Este Xuíz exercía as funcións gobernativas, administrativas e xudiciais fronte a delitos cometidos dentro dos límites do Couto, xa que noutros aspectos estaban sometidos ós xulgados de Montalegre (Portugal) e de Xinzo de Limia, segundo a nacionalidade que detentasen. O Xuíz auxiliábase polos homes de acordo ou homes bos, tamén electos en cada un dos tres poboados, dous por lugar, e polo Vigairo do mes, que executaba as decisións do Xuíz. Alén diso, había a posibilidade de tomar acordos en concello aberto (asemblea), na praza pública ou no adro da igrexa, por tódolos veciños.

O nomeamento do Xuíz tiña que ser ratificado polo correxidor de Montalegre, en nome da Casa de Bragança, quen lle entregaba unha insignia que aquel colocaba no cinto. Cara 1834-1836 desapareceu esta ratificación portuguesa.

A Xunta que rexía o Couto alternaba anualmente a súa sede nun lugar diferente dos tres que o constituían. Os habitantes do Couto con dereito a voto podían empregar o dereito de revogación (volver chamar a votación), que consistía na posibilidade de mudar os representantes electos antes do final do seu mandato se se detectaba un mal desempeño das funcións para as que foron elixidos.

Tributos

Os habitantes do Couto Mixto non estaban obrigados a pagar tributos a Portugal ou a España, nin os debidos pola terra, pola práctica de actividades comerciais ou industriais, por consumo, sucesión ou outros. Ese feito levou a moitas persoas a contraer matrimonio e estabelecerse no Couto, para evitar o pago de tributos, ao mesmo tempo que estimulou unha dinámica actividade comercial, clasificada moitas veces polas autoridades de ambos os países como contrabando. Beneficiábanse do feito de que os "mixtos" non podían ser detidos ata unha legua dos límites do Couto e nin nos camiños ou vereas privilexiadas, ou por actividades consideradas como ilícitas.

Impresos oficiais

Tampouco estaban obrigados ao uso de papel selado, podendo facer uso de papel común en todos os tipos de acordos e contratos. Do mesmo modo tampouco estaban obrigados a pagar dereitos polo rexistro de propiedade, como no caso de hipotecas.

Dereito de asilo

Nin as autoridades portuguesas nin as españolas podían entrar no Couto en persecución dun individuo, excepto no caso de determinados delitos, como o homicidio e outros delitos de sangue. Este dereito, probable reminiscencia dos primitivos coutos de homiciados, incomodaba bastante ás autoridades de ambos os países, o que, historicamente, se traduciu pola acción esporádica, ben da xustiza portuguesa, ben da española, no territorio do Couto.

Do mesmo modo, o Couto podía negar aloxamento ás forzas militares de ambos os países, práctica que en diversas ocasións non se respectou diante da superioridade numérica das tropas visitantes, especialmente durante as guerras napoleónicas do século XIX.

Agricultura, gandería e comercio

Os veciños do Couto dedicábanse ao cultivo de liño, millo, patacas, etc., á cría de gando (especialmente de vacas de raza cachena), á fabricación de apeiros agrícolas e ao comercio de todos estes produtos nas feiras dun e doutro lado da fronteira. Esta actividade agrícola e gandeira estaba marcada pola súa situación xeográfica pero nunca pasou de ser unha actividade de subsistencia polo que se dedicaban principalmente ó comercio, amparándose nos privilexios que os dous países lles concederan. Así, destacaba o comercio de sal e de tabaco. Podían cultivar todos os xéneros, inclusive aqueles obxecto de estanco, como o tabaco, controlado con rigor en ambos os países. Xa en 1785 se fixo a primeira proposta para que, de forma conxunta, España e Portugal destruísen os cultivos de tabaco no Couto, pero non tivo éxito. Finalmente, por acordo dos dous países, este privilexio foi abolido en 1850 mantendo unicamente a autorización para cultivar 300 pés de tabaco anuais, para autoconsumo.

Canto ó comercio do sal, sometido a réxime de estanco en España pero non en Portugal (ata 1868), tratábase do sal marino portugués, de excelente calidade, que logo vendían por ferrados por todo Ourense.

Podían frecuentar as feiras das comarcas limítrofes, comprando e vendendo todo tipo de gando e mercadorías sen a obriga de pagar dereitos ou de presentar guías, documentos aduaneiros ou de calquera tipo. Tamén estaban autorizados para a venda de produtos farmacéuticos, para o que non se esixía ningunha titulación.


Camiño privilexiado


Os habitantes do Couto dispuñan dun camiño privilexiado que, partindo do Couto, atravesaba as terras de Calvos de Randín, na Galiza, e de Tourem, en Portugal, o seu destino. Era delimitado por mouróns ou marcos de pedra, marcados con diversos sinais, como cruces.

Utilizado para o tránsito de persoas e de mercadorías, as autoridades de ambos os países non podían realizar ningunha aprehensión dentro dos seus límites (nin de contrabando), nin podían molestar os seus usuarios.

Os habitantes do Couto non necesitaban de licenza para o porte de armas de calquera clase (de caza ou de defensa), nin dentro do Couto, nin no camiño privilexiado.