O COUTO MIXTO. A SÚA CONTORNA ARRAIANA E OS POBOS PROMÍSCUOS. DESCRICIÓN SOCIOECONÓMICA
Nesta obra , o seu autor, Máximo Salinas Valencia, fai unha descrición socioeconómica do Couto Mixto e a súa área de influencia. Vén ser, como se dixeramos, unha impresión panorámica da vida e dos medios que protagonizaron as xentes daquela xeografía. Salienta nela, co necesario relevo, as liñas e trazos máis sobranceiros.
Parte o autor da consideración do espazo xeográfico situado en territorio fronteirizo. Ou sexa, do que desde o sur da provincia ourensá linda co concello portugués de Montealegre. Nesta área, considerada como zona de montaña, lembra Salinas ás aldeas que noutrora configuraron a antiga república do “Couto Mixto”. Sinala con precisión os dous subconxuntos situados en terra galega, e os dous localizados na rexión portuguesa de Tras Os Montes. Fai fincapé o autor que a paisaxe na que se enmarcan é abondo semellante. Como tamén o é a climatoloxía de tipo continental que as envolve.
O sucinto texto desenvólvese a través de sucesivos capítulos ben sistemtizados. A exposición infórman os, aínda que sumariamente, de definitorios aspectos da vida social e económica do territorio estudado. Describe de primeiras, coidadosamente, os datos numéricos relativos á colectividade poboacional.Colectivamente integrada por un reducido número de veciños: uns douscentos no século XIX. E, segundo testemuño do derradeiro Xuíz elixido democraticamente, a poboación do Couto non excedía entón dos mil habitantes.
Ocúpase despois Salinas da arquitectura singularizada do territorio. Das casas, dos materiais de contrución, dalgunhas vellas igrexas, dos retábulos barrocos, policromados, de feitío sinxelo. Tamén das pontes para os carros, así como das de uso exclusivo peonil. Pola súa parte, as aldeas amósanse en estreita sintonía coa pasaixe.
Estamos en presenza dun texto sincero e útil. Escrito con claridade que cadra a un propósito divulgativo, reflicte un esforzo meritorio. Trátase, en definitiva, dun volume sumario, ameno e instructivo. Lése por iso con compracencia e simpatía. En todo caso, serve para se formar unha idea cabal do que foron os xeitos de vivir nunha pequena república chea de orixinalidade
(Extracto do prólogo de Francisco Fernández del Riego)