O próximo día 29 do mes de outubro de 2011, celebraremos dentro dos actos de promoción cultural na vila da Estrada o acto de constitución da IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA.
Esta nova entidade, que terá ámbito de toda a Comunidade Autónoma de Galicia, vai estar integrada por persoal da sanidade pública e privada (médicos, boticarios, veterinarios, enfermería...) e profesionais da docencia nas ciencias médicas, ten dous obxectivos: o impulso do humanismo e a normalización da lingua galega neste ámbito, e buscará a súa extensión territorial realizando actos por Galicia enteira, fomentando tamén a figura de médicos senlleiros e humanistas que entenderon a medicina como unha ciencia sempre asociada á idiosincrasia do noso pobo.
A extensión do uso da lingua galega nas relacións cos usuarios, porque entendemos que é necesario para a pervivencia do noso idioma, alén dos circuítos culturais; cunha orientación humanista, porque reivindicaremos a tradición da Escola Médica Galega que ten en Varela de Montes, Nóvoa Santos, Rodríguez Cadarso, Rof Carballo...e os epígonos García Sabell, López Nogueira, Reimóndez Portela (ex-alcalde da Estrada, médico humanista, precursor da autonomía galega) que sempre entenderon que o exercicio profesional tiña que ser respectuoso coa cultura dos usuarios, atribuíndose á utilización destes medios beneficios para unha boa diagnose clínica.
Ás 12:00 horas, no Teatro Principal principiará o acto coa imposición de becas aos 35 primeiros membros -todos eles destacados profesionais-, e a lección inaugural a cargo do psiquiatra e Dr. Emilio González, médico especialista en antropoloxía médica.
A segunda parte do acto dedicarémola a homenaxear ao médico don Manuel Reimondez Portela, que exerceu por toda a nosa comarca durante toda a vida, personalidade de traxectoria brillante, escritor, político, un dos pais do Estatuto dos 16, e que foi forxado intelectualmente na tronzada tradición humanística da Escola Médica Galega, do que fará unha reseña biográfica o estudoso da súa obra Valentín García.
Sería unha gran honra poder contar con todo o público que nos queira acompañar neste acto, no que xa teñen confirmada a súa asistencia o reitor da Universidade da Coruña e o Sr. Fiscal Superior de Galicia, ademais do Sr. Alcalde da Estrada.