facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Faro de Vigo - Irmandade da Sanidade Galega
26/10/2011
Calquera manual deontolóxico debería dicir que o primeiro que precisa o doente é sentirse acollido de maneira personalizada. Iso implica, entre outras cousas, a utilización da lingua de uso do paciente para poder informalo con afectividade e dárlle toda a información necesaria para a súa tranquilidade.
 
 Xosé González Martinez

Na historiografía da medicina en Galicia foron moitos os médicos que avalaron este aserto. Contaba o doutor García Sabell, cando facía as súas prácticas en Madrid con Gregorio Marañón, o caso dun galego cun problema psicosomático que só desbloqueou a súa mente e puxo en marcha o seu propio proceso terapéutico cando lle empezaron a falar na lingua da súa infancia.

O encontro clínico nunca debería ser concebido desprovisto da compoñente cultural. O usuario que acude a un dispensario médico ou hospital, cando presenta a queixa ou estrutura os síntomas introduce o contexto cultural do que procede. De aí que a lingua e a cultura dun pobo deba ser utilizada como instrumento terapéutico.

Este pensamento estivo presente na chamada Escola Médica Galega, que foi o movemento científico que mellor entendeu e incorporou á súa actividade os elementos fundamentais da antropoloxía médica. Desde Varela de Montes deica hoxe, fóronse sucedendo en Galicia figuras senlleiras na medicina: Xesús Rodríguez López, Rodríguez Cadarso, Nóvoa Santos, etc... unha escola tronzada pola guerra civil que, sen embargo, rebrotou anos despois con Rof Carballo, García Sabell, López Nogueira e moitos outros que procuraron a inculturización do saber científico para un mellor tratamento das doenzas e dos doentes..

Galicia foi terra aboada para crear unha tradición de médicos humanistas sempre preocupados pola contorna social, cultural e lingüística. Médicos rurais que sempre utilizaron a lingua galega cos seus pacientes, estudosos da nosa antropoloxía, que teñen doutores Emilio González Fernández, Santiago Lamas Crego e David Simón Lorda os mellores expoñentes. Forxaron un modelo de exercicio profesional, afondando no coñecemento da idiosincrasia do enfermo galego. O compromiso coa lingua galega e traballos de investigación propiciaron unha corrente científica que dignifica á medicina galega. Nesa nómina temos que incluír aos doutores Ramón Obella Vidal, fundador dos laboratorios Zeltia e a Antón Beiras, médico de prestixio, que foi requirido por moitos congresos internacionais de oftalmoloxía para dar conta das súas investigacións sobre o extravismo, e o “Vigoscopio”, aparato que el deseñou para a súa corrección. Por primeira vez na historia un investigador da súa talla disertou en lingua galega nun congreso médico internacional.. “Eu disertei en lingua galega -díxo o doutor Beiras- porque na miña lingua tamén se pode facer ciencia; para chegar a tales conclusións tiven que aprender antes, alemán, inglés e francés”.

Para recuperar o vello espírito do galeguismo científico e humanístico nace a IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA (ISAGA); e faino coa vontade de ser herdeira da Escola Médica Galega, na que terán tamén cabida todos os profesionais da sanidade amais dos médicos: enfermeiros, boticarios, persoal de xestión administrativa, traballadores sociais, etc... Todos farán posible o rexurdimento dun movemento que dignifique a lingua galega e o respecto dos dereitos lingüísticos dos doentes. Porque, como vén di o doutor Pablo Vaamonde, “boa parte dos prexuízos linguísticos están na relación de dependencia do doente perante o persoal sanitario que o coloca nunha situación de inferioridade. A ocultación da lingua propia ten a súa explicación nesa subordinación ao ser superior que o pode curar”.

O próximo día 29 do mes que andamos, celebrarase no concello da Estrada a constitución da Irmandade da Sanidade Galega. Renderáselle tamén unha homenaxe ao médico Manuel Reimondez Portela, exemplo de médico galeguista e humanista.


ARQUIVOS ADXUNTOS