facebook
 
     
InicioObxectivosAmbitos de actuaciónAcciónsActosActos: HemerotecaPublicaciónsNovasNovas: HemerotecaGaleria fotografica  
Mil festas máis para a lingua galega
19/03/2012

Mil festas máis para a lingua galega (descargar publicación)

As festas populares en Galicia constitúen un referente na vida social dos galegos. As parroquiais son, de vello, fórmulas de convivencia sentidas e queridas polas súas comunidades. En vilas e aldeas celébrase, por veces, máis dunha festa anualmente. Celebracións relixiosas ás que se sumaron as de carácter gastronómico. Hai variedade de festexos, pois tamén se inclúen as que se organizan para rememoraren acontecementos históricos.
Ser ociosos un día non é unha casualidade, senón un proceso de cultura. As danzas tradicionais e a música popular que amenizan eses espazos sociais poden ter unha relevancia especial. De aí que haxa moitas festas que gozan do recoñecemento institucional polo seu interese cultural. Mais a incidencia negativa de elementos estraños á nosa antropoloxía cultural supuxeron unha agresión ás nosas tradicións. A pervivencia das singularidades está a ser arrombada por programas  xeneralizados que se aplican aquí e acolá  polos axentes externos  que interveñen neles.
 
Galicia celebra durante o ano máis de sete milleiros de eventos festivos. Esta cantidade supón un avultado investimento multimillonario de euros, que contribúe ao mantemento dunha boa parte da industria cultural. Multiplícase o número de orquestras e de atraccións para atender a demanda. Trescentos quince concellos e  algo máis de tres mil setecentas parroquias organizan moreas de festas.
 
Os efectos da globalización inciden negativamente na programación destas festas e celebracións lúdicas. A marxinación dos sinais de identidade da nosa cultura aparecen esluídos ou obviados, co que se impide que estes espazos de lecer sexan  os lugares de reencontro dos galegos coa súa peculiar idiosincrasia e cohesión social, ademais de escaparates privilexiados para divulgar o noso patrimonio cultural.