A creatividade colectiva e a capacidade individual de ser emprendedor constitúen o caldo de cultivo imprescindible para o cambio, para o progreso de calquera comunidade social. Non é cuestión de longo meditar o darse conta de que, aínda séndomos todos intelixentes, sen a imaxinación, sen o potencial para transformar a realidade que nos rodea en coñecemento, o xurdir da faísca creadora non é tan se queira viable.
Na Galicia de comezos do séc. XX, o doutor
Ramón Obella Vidal foi un dos persoeiros que, coa súa egrexia personalidade e coñecido tesón, foi quen de converter a faísca nun lume capaz de dar abrigo á nova Galicia en cernes. Cando a modernización ía da man da mecanización, e os sectores produtivos básicos asentaban a meirande parte do dinamismo e a produtividade da nosa economía, el soubo mirar máis alá.
No seu dicionario particular entraban palabras, daquela, alleas para o común da cidadanía: ciencia e tecnoloxía, investigación e estudo, formaban parte do léxico das minoritarias elites de orixe vilega. Sen embargo, o compromiso do Dr. Obella Vidal co País permitiu que aquel esforzo, compartido con tantos, de facer daquelas palabras a base dunha posterior realidade, e da ciencia un dos nosos piares de futuro, sexa hoxe un dos eixes estratéxicos da Galicia do séc. XXI.
A empresa Zeltia, o seu máis sobranceiro legado, referencia internacional da industria biomédica, sintetiza toda a extraordinaria capacidade inventiva que atesouraba Obella Vidal; e da que os seus máis achegados, como Fernando Calvet ou Xaime Isla, foron testemuños de excepción. A herdanza que Zeltia supón, ademais, vai alén do progreso científico-tecnolóxico. Os máis de 70 anos da empresa son historia, tamén, dun dos esforzos máis importantes, transcendentais direi, na configuración e a reivindicación dun tecido industrial galego do I+D+i .
Nin tan se queira o alzamento nacionalista, e a súa vontade ideolóxico-absolutista de amoldar o progreso aos seus estreitos patróns morais, foi quen de frear a ciencia da razón.
O soño do doutor Ramón Obella Vidal ten cumpridas ben todas as súas expectativas. Zeltia contribúe co seu excelso exemplo a un novo impulso da industria galega do coñecemento. O futuro de Galicia, sexa como sexa, estará escrito con letras de ouro e o contributo de Obella Vidal figurará nos nosos corazóns como unha mostra de compromiso de país, entrega polo ben colectivo, e dedicación a unha Galicia mellor, a un futuro mellor para todos e todas.
Xosé González Martinez
Presidente do Foro E. Peinador
O galego Ramón Obella Vidal é un destes personaxes esquecidos que pasou desapercibido por non deixar pegadas. As súas accións tiveron unha grande trascendencia no desenvolvemento do ámbito empresarial en Galicia, no terreo científico aplicado á industria, desde os anos trinta. Foi capaz de ter ideas, de desenvolvelas e de buscar ás persoas axeitadas para materializalas. Foron moitas as iniciativas que saíron do seu maxín, desde a instalación dun laboratorio bioquímico en Vigo, como foi o Miguel Servet, en sociedade con Alexandre Bóveda, compañeiro seu de militancia galeguista, ata a posta en marcha da emblemática Zeltia, en 1939, pasando por compañías de exportación de caruncho do centeo, desde Portugal, nos tempos da guerra civil, ou facer estudos experimentais con productos e subprodutos animais. O I+D+I xa estaba lanzado en Galicia desde aquela, por obra deste médico de Bastavales, cando a bioquímica aínda estaba dando os seus primeiros pasos.
Se naquel momento a investigación científica galega basculaba sobre a Universidade de Santiago, el foi a esta institución a buscar á persoa máis axeitada para desenvolver as súas modernas ideas sobre a explotación de recursos naturais do país, con fins industriais. A persoa escollida foi o avanzado Fernando Calvet, mozo catedrático catalán de Química Orgánica, quen foi da man de Obella para acometer toda canta iniciativa saía da fervenza propulsora deste sarillo. Non hai que esquecer que esta icona científica, Fernando Calvet, chegou a traballar e a investigar con dous Premios Nobeles diferentes, no campo da Química: o alemán Hoffman e o sueco Von Euler, con quen publicou varios traballos científicos. Calvet, logo dun curto exilio, volveu do estranxeiro reclamado por Obella para poñer en marcha a empresa Zeltia, da que ambos foron accionistas, en compañía dos irmáns Fernández. No Porriño, onde Obella tivera a primeira granxa experimental, levaron á cabo unha importante experiencia empresarial de longo percorrido, que hoxe aínda subsiste, mais diversificada. Coas mentes lúcidas do máis granado da ciencia e a docencia represaliada polo franquismo, Zeltia púxose a andar, en 1939. Desde aquela, o campo galego deu o primeiro chanzo na aplicación de diferentes compostos para o agro fabricados no país. Os labregos entregáronse ao ben quefacer daqueles mozos investigadores que fabricaban produtos que melloraban as súas colleitas e evitaban andazos, a maiores de ver como o engorde e a saude do seu gando era unha realidade. Os "sabios zélticos" non esqueceron de facer a publicidade e a propaganda na lingua que falaba a xente do campo, desde os anos cincuenta: o galego
Nun momento onde o marco non era moi doado para desenvolver iniciativas, Obella, independentemente da circunstancia, foi quen de levar á cabo empresas de moito calado, superando canto atranco se lle puxese por diante. Poderíamos catalogalo como un promotor científico e empresarial que fixo país, dende o país, con compromiso.
Ricardo Gurriarán