O Foral do Burgo de Castro Caldelas é o primeiro instrumento xurídico redactado en lingua galega.
Un feito que está documentado na historiografía do noso idioma en 1228. Durante varios séculos foi a lingua da documentación xurídica deica mediados do século XVI, que por decisión política do Estado centralista que unificara todos os reinos nun, impuxera o castelán como idioma oficial. Foron cinco séculos de proscrición ata que en 1985, unha sentenza da Sala do Contecioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, que leva data de 27 de marzo, puxo fin a tan longo período de marxinación ditando a primeira sentenza en lingua galega. Os maxistrados que compuñan a sala foron Ricardo Leirós Freire, Gonzalo de la Huerga Fidalgo e Claudio Movilla Álvarez.
Como en todos os feitos históricos sempre hai unha intrahistoria que os explica. Aconteceu que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia andaba na procura dunha oportunidade para que unha Administración tan reacia á normalización lingüística como a de Xustiza na que aniñaban os posicionamentos ideolóxicos conservadores abandonase os prexuízos lingüísticos. Foi asi como desde a AFNLG se lle propuxo ao maxistrado Claudio Movilla que fose el e a Sala do Contencioso-Administrativo a que se marcase o inicio do rexurdimento lingüística nos usos xurídicos, que en anos posteriores había ter seguidores na xudicatura.
Como colofón aos actos conmemorativos do XXX aniversario desta histórica sentenza xudicial iniciados en Redondela o pasado 17 de marzo,sobre a que recaeu a devandita sentenza, celebrouse en Castro Caldelas a homenaxe a don Claudio Movilla Álvarez coa descuberta dunha placa na fachada da casa onde nacera, na rúa maxistrado Cortón, e a seguir, no Castelo, un acto no que participaron xuíces, fiscais, avogados, alcaldes e veciños que sumaron activamente asinando un documento de compromiso coa lingua galega nas eventuais relación que puidesen ter coa notaria, despachos de avogados e xulgados. En identidade dirección, reforzando o discurso da normalización lingüística, trinta concello deron a coñecer a “Declaración de Castro Caldelas” na que explicitan o seu compromiso de galeguizar as actividades xurídicas dos seus concellos. A Irmandade Xurídica Galega e o Concello de Castro Caldelas encargáronse da organización e convocatoria do acto celebrado.