A Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, elaborou a Declaración de Mondariz-Balneario para ser asinada polos concellos nos que Ramón Cabanillas exerceu a súa función de secretario municipal.
O día 9 de novembro de 1959 falecía don Ramón Cabanillas Enríquez na súa vila natal de Cambados. Basilio Álvarez, abade de Beiro e dirixente agrarista, definíu a Cabanillas como o máis preclaro sucesor de Curros Enriquez. O discurso poético dun e outro, teñen moito en común: a defensa da lingua, da identidade galega e as proclamas redentoristas das clases populares, que por aqueles tempos eran maioritariamente labregas.
De Ramón Cabanillas saben a maioría dos lectores que era poeta, moi bo poeta, pero pouco máis. E iso era debido a que non había unha biografía completa do autor de “Vento mareiro”. Agora xa a temos. Ramón Cabanillas. Crónica de desterros e saudade, é unha obra de investigación completa na que o seu autor,
Luís Rei, define a Cabanillas “como un petrucio venerábel con prestixio literario abondo para ser un símbolo das letras galegas”.
Fai o biógrafo o percorrido pola obra literaria de Cabanillas, pero tamén pola vital, a que menos se coñece, e que agora aparece con profusión de datas, lugares e circunstancias. Descúbrenos Luís Rei un aspecto pouco coñecido: a profesión de secretario municipal, que desempeñou en Concellos diversos: Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Moaña, Mos, Redondela e Silleda. Non hai moitos anos a Asociación Nós de Moaña publicara un opúsculo interesante que falaba do paso de Cabanillas por Moaña cando estivo destinado naquela corporación municipal; e a Fundación Lois Peña Novo rendéralle homenaxe ao poeta cambadés colocando na fachada da Casa do Concello unha placa de bronce en lembranza do seu paso por aquela administración municipal.
Sendo completísima a biografía de Luís Rei, e sen que iso desmereza o mérito, que é grande, da investigación realizada, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega deron a coñecer un dato biográfico descoñecido: a súa pertenza á corporación municipal de Mondariz-Balneario, aínda que por moitos poucos meses, en 1929.
A presenza de Ramón Cabanillas en Mondariz explícaa moi ben Luís Rei: “Enrique Peinador, amigo do noso poeta, convértese moi probablemente no seu mecenas e lévao a vivir e a escribir en Mondariz”. Ali permaneceu durante varios anos desempeñando as máis variopintas funcións: director das revistas “La Temporada” e “Mondariz”, e tamén a dun eficaz e culto relacións públicas.
Na imprenta do Balneario de Mondariz publicou Ramón Cabanillas boa parte da súa obra literaria, e alí, tamén, contribuíu a dinaminar a cultura galega.
A Irmandade Xurídica Galega e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, elaborou a Declaración de Mondariz-Balneario para ser asinada polos concellos nos que Ramón Cabanillas exerceu a súa función de secretario municipal. Esta declaración fai fincapé nas teses e propostas daqueloutra preparada, e aprobada pola FEGAMP, para a conmemoración dos 25 anos da “Declaración dos Alcaldes Galegos” reunidos no Hostal dos Reis Católicos en maio de 1984. Un programa que supuxo a incorporación da lingua galega ás actividades da administración municipal.
O salón de plenos da Casa do Concello de Mondariz-Balneario acolleu á meirande parte dos concellos convocados para render homenaxe a Ramón Cabanillas e ratificar a inequívoca vontade de seguir profundizando no fomento da lingua galegas desde as corporacións locais.
No acto intervíron: Don Luís Rei, autor da biografía de Ramón Cabanillas; don
Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Política Lingüística; don Benito Montero, fiscal e membro da Irmandade Xurídica Galega; don Manuel González, secretario da Real Academia Galega; don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia, e don Xosé A. Lorenzo, alcalde do Concello de Mondariz-balneario.
Finalizadas as intervencións procedeuse á sinatura da Declaración, e a seguir descubríronse dúas placas: unha na fachada da Casa do Concello, lembrando a pertenza de Ramón Cabanillas á corporación municipal, e outra, nos xardíns do antigo Balneario, para identificar o monumento erixido a don Enrique Peinador Lines, “empresario e galeguista”.