Desde Varela de Montes e o seu coetáneo Jesús Rodríguez López ata Fausto Galdo, recentemente homenaxeado pola Irmandade da Sanidade Galega, pasando por Rof Carballo, García-Sabell, Nóvoa Santos, Obella Vidal... a historia da medicina en Galicia ofrécenos unha nómina extensísima de profesionais da sanidade que vencellaron a súa actividade co humanismo galeguista.
A medicina sicosomática afirma que unha enfermidade é o mesmo en Málaga que en Galicia, efectivamente é asi, pero o doente andaluz nada tenque ver co galego. O ámbito cultural e territorial no que se move o paciente que está a tratamento médico é un factor determinante para comprender o seu comportamento fronte á doenza, ou mesmos outras motivacións que un médico debe ter en conta para facer un diagnóstico certeiro.
A Irmandade da Sanidade Galega é unha plataforma de profesionais da sanidade no sentido máis amplo da acepción, que ten como obxectivo único afortalar o galeguismo e o humanismo como instrumento para comprender a idiosincrasia do doente, facendo fincapé na valoración positiva e uso da lingua galega na relación cos usuarios dos seus servizos.
Os sanitarios galegos están chamados a impedir que a nosa lingua desapareza dos centros de saúde -públicos e privados- desenvolvendo as súas actividades na nosa lingua. A Irmandade da Sanidade Galega afirma que o uso da lingua galega na relación cos pacientes ten efectos terapéuticos, porque aproxima os curadores aos doentes que se expresan no idioma propio por seren capaces de expresárense mellor.
"Recursos lingüísticos para os profesionais da sanidade"