A Irmandade Xurídica Galega vai procurar levar a cabo diversas accións encamiñadas a levar o espírito normalizador aos colexios de avogados, procuradores, notarios e rexistradores e cantas asociacións e sindicatos teñan o eido do Dereito como escenario das súas actividades profesionais. Porase especial énfase en encontros e acordos coas escolas de prácticas xurídicas e facultades de Dereito, sen esquecer institucións académicas para a formación de policías e funcionarios xudiciais. A todas elas ofreceránselles iniciativas para facer real e efectiva a cooficialidade lingüística a partir dunha formación curricular que informe e oriente a eses profesionais no uso da linguaxe xurídica e coñecemento da existencia do Dereito Lingüístico.